Nomes-Galegos.info:Criterios e normas

Na Nomes-Galegos.info, a wikipedia en galego.

Esta páxina contén as normas actuais para introducir contidos neste wiki. Se desexas participar debes escribirnos para nos solicitares unha conta de acceso a webmaster ARROBA nomes-galegos PUNTO info.

Poderán engadirse...

  • Nomes galegos de home e de muller...
  • entendendo como tales en primeiro lugar os así incluidos na bibliografía sobre o tema;
  • tamén aqueles que noutras fontes históricas consten como pertencentes a persoas habitantes ou oriundas de Galiza, do reino Suevo, da Gallaecia romana ou dos territorios que antes da conquista de Roma fixesen parte dun territorio análogo cultural ou xeograficamente aos devanditos;
  • outros nomes, que aínda que non consten documentalmente como usados polos galegos, poidan ser considerados, a criterio dos responsables deste wiki, como interesantes achegas ou propostas para a renovación da antroponimia galega, seguindo criterios históricos, xeográficos ou culturais razoados por quen faga a proposta. Estes nomes serán identificados axeitadamente como propostas, para permitir a súa diferenciación.

Non se admitirán...

  • Nomes modernos procedentes doutras linguas (v.g. Jennifer, Kevin, Aitor, Igor, etc.) que non teñan tradición de uso no noso pobo.
  • Hipocorísticos que non teñan consideración como nome claramente diferenciado.

Estrutura da ficha

Todas as fichas de nome levarán a mesma estructura, así que se queres crear un nome novo neste wiki, deberás copiar a estrutura de calquera dos outros que xa existan. Tamén podes usar a Ficha baleira como punto de partida:

Pronuncia

  • Como orientación seguimos as normas de transcrición habituais na Galipedia: sobre todo o artigo sobre as Vogais galegas.
  • Para indicarmos correctamente os signos fonéticos, nomeadamente o e aberto, o aberto e a gheada, debemos usar os códigos UNICODE que verás referidos p.ex. nesta páxina. Consulta tamén a páxina de axuda xeral sobre a cuestión dos tipos de letra. Se usas navegadores da familia do Mozilla (Firefox, Seamonkey, etc.) non deberías ter problema. Podes usar estoutra páxina para codificar e introducir algún código se tes problemas. Velaquí o resume dos imprescindibles para este wiki:
    • E aberto: ɛ (ɛ)
    • O aberto: ɔ (ɔ)
    • Gheada: ħ (ħ)

Variantes e outras formas

  • Deben estar creadas como páxinas. Cando se crea a páxina correspondente ao nome principal, deben despois imediatamente crearse as páxinas correspondentes ás variantes, para non as deixar orfas. Incluirán o texto: Variante de... e o nome principal. Adicionalmente poderán levar algún outro comentario explicativo do tipo de variante que achegue información de interese, e mesmo algún dos campos que posúen as fichas principal (vid. o caso de Eulalia p.ex.).
  • Para permitir a súa inclusión nas listaxes alfabéticas e de tipos de nomes, tamén deberán levar as categorías correspondentes.
  • Dado que a pronuncia tamén é interesante coñecela nestes casos, tamén se incluirá ese campo.
  • Ás veces non é doado determinar cal é o nome que debemos crear como principal e cal o que debemos crear como variante. Velaquí algúns criterios que poden axudar para escollermos unhas formas como principais con respecto a outras:
    • As formas en ortografía do ILG-RAG serán principais con respecto a outras ortografías.
    • As formas que aparezan na bibliografía.
    • As formas propias de Galiza:
      • P.ex. se existe un santo con culto tradicional en Galiza, pódese tomar o nome co que é máis coñecido este, como referencia para o nome principal (caso de Cidre).
      • Se as variantes populares galegas son diferenciativas, preferiranse como principais sobre as cultistas comúns a outras linguas (caso de Clemenzo vs. Clemente, ou Clodio vs. Claudio).
    • As formas máis achegadas á forma orixinal (criterio etimolóxico) ou máis antigas.
  • Simplemente se listan separadas por comas.
  • Aceptaranse aquí variantes noutras grafías (reintegrada, nomeadamente), cun criterio o máis amplo posible. Se simplemente son variantes gráficas, recoméndase non crear as súas correspondentes páxinas.
  • Nos casos dos nomes célticos admitiranse variantes ortográficas que faciliten a pronuncia: p.ex. /gh/ para a gheada ou /ki/ e /ke/, ou mesmo versión evoluídas como Baroña a partir de Baronia (que poden como neste caso coincidir con formas toponímicas actuais cuxo orixe está neses supostos antropónimos célticos. Vid. Toponimia céltica de Galicia nas nosas fontes).

Orixe e significado

  • Se hai varias hipóteses, débese indicar nunha liña diferente cada unha, achegando a referencia ligada ao pé da páxina.
  • O formato básico será: orixe: (nome orixinal do que procede) significado.
  • Recoméndase explicar o significado de cada palabra cando o nome procede de varias.
  • Se se debe indicar un antropónimo antigo do cal procede, se é hipotético, márcase cun * diante da palabra; o mesmo para palabras que se cre que eran así noutras linguas pero non está comprobado, tal e como se adoita facer na lingüística.
  • Cando dunha lingua pase a outra e desta chegue o nome aos galegos, se consignarán ambas orixes, indicando a precedencia histórica ou etimolóxica. Ex. Camiño

Hipocorísticos

  • Deben aparecer documentados nas fontes.
  • Evitaranse os que sexan procedentes doutras linguas: ex. Toni (Tony), Menchu (Mentxu/Mentxo), Catia (Katia|?????).
  • Evitaranse as simples versións en -iño/-iña.

Equivalencias noutras linguas

  • Tomaremos como referencia principal o castelán, por ser a referencia secundaria máis coñecida polos nosos usuarios potenciais, sobre todo os da diáspora. O português pódese considerar como variante (vid. supra).
  • Indicarase o idioma mediante o ISO de dúas letras do mesmo.

Nomes relacionados

  • P.ex. Sonia con Sofía, Manuel con Xesús, Santiago con Xaime, etc.
  • Tamén se usará para relacionar as formas masculina e feminina dun mesmo nome: p.ex. Agostiño con Agostiña. Aquí debemos facer notar que á hora de incluirmos ou non a forma do outro sexo dun determinado nome seguimos o libro de Xesús Ferro Ruibal, aínda que abertos a novas achegas ou datos ao respecto.
  • Debe estabelecerse a ligazón en ambos sentidos.
  • As relacións poden ser unha orixe común, un significado análogo, etc.

Galegos con sona

Referencias e notas bibliográficas

  • As xerais usadas na ficha, e as referenciadas como notas.

Categorías

  • Ao final da páxina engadiranse as diversas categorías ás que pertenza o nome, incluíndo polo mínimo a alfabética (letra pola que comeza), a referida ao sexo e a da orixe.
  • Se existen varias hipóteses sobra a orixe, se crearán tantas categorías relativas a orixe como teorías se fagan cosntar na sección de Orixe. Se dunha lingua pasa a outra e de aí se convirte en nome galego, ídem (ex. Camilo).

Datos que non se coñezan

Os datos que non se coñezan dunha ficha serán simplemente indicados con puntos suspensivos: ...

Extensión de modificacións a nomes relacionados

Cando se actualice algunha información dun nome masculino, deberá terse en conta que probablemente exista un feminino relacionado no que cómpra realizar análoga modificación. Tamén pode que noutros, que deberían estar como relacionados na ficha.

Fichas pendentes de crear

Invitamos aos colaboradores a traballar sobre a lista de páxinas que desde outras fichas se teñen apuntado como precisas, pero que aínda non teñen contidos.